Thursday 25 de April de 2024

Para Alternativa de Sada os veciños e veciñas son os principais merecedores da súa lealdade no actual pacto de Goberno


Concelleira de Educación e Deportes, María Nogareda, de Alternativa dos Veciños Sada, quixo deixar moi claro no pasado Pleno Ordinario da Corporación Municipal a posición de Alternativa dos Veciños no Goberno de Sada, en resposta as reiteradas acusacións de deslealdade por parte dun dos seus socios.

Alternativa dos Veciños Sada leva un tempo manifestando publicamente unha postura crítica porque considera que a integridade e a lealdade ós principios de cada un é o máis importante. Alternativa presentouse a unhas eleccións para achegar o seu grao de area e colaborar coas iniciativas e medidas que puidesen mellorar o Concello, asinando un pacto cos outros dous grupos para levar a cabo medidas que beneficiasen á cidadanía en xeral, pero nese mesmo pacto había un apartado coñecido coma “dereito á discrepancia” e ese dereito parece que non se entende ben.

Dereito á discrepancia é non estar de acordo coa execución da obra da avenida Sada y sus Contornos, solicitar información dos feitos que considerábamos que non cadraban o día 05 outubro de 2021 a través do rexistro, solicitude que tivo que ser reiterada en distintas ocasións, tanto de xeito verbal, en diferentes reunións, coma novamente por rexistro, e a día de hoxe non ter conclusións definitivas. Aquí a lealdade é cos veciños e veciñas, porque estamos a investir cartos públicos nunha obra que non só non quedou ben, senón que

presenta problemas de seguridade evidentes. E parece que nos temos que sentir mal por pedir explicacións de como se invisten os cartos da cidadanía.

Facer oposición dentro do goberno é non dicir amén a todo o que se nos poña por diante sen cuestionar absolutamente nada e sen pedir explicacións sobre o que consideramos que non está ben feito?

Comezamos esta lexislatura baseándonos no principio a lealdade, pero na lealdade á veciñanza porque é para o pobo polo que estamos aquí a traballar, máis podemos dar exemplos do que é a deslealdade.
Deslealdade é acordar nunha reunión as prazas que deberían incluírse na estabilización, e ao saír do citado debate, cambiar o que alí se consideraba de xeito unilateral.

Deslealdade é pedir que se resolva o contrato da remodelación da pista de patinaxe porque non se considera a obra correctamente executada, quedar o día 30 de decembro de 2021 en enviar un último requirimento para ver se a empresa asumía o amaño definitivo, e a día de hoxe non ter noticias ao respecto.

Deslealdade é dicir en conversa privada que vén a subvención da Deputación coñecida como POS, comentar que non hai proxectos para incluír, e cando poñemos enriba da mesa o proxecto do campo de fútbol do Carnoedo, xa elaborado antes da nosa chegada á concellería, aparecen outros proxectos e este volve quedar no caixón.

Deslealdade é convocar un comité de seguridade e saúde onde manifestamos, nos momentos máis duros de pandemia, que se apoiase a medida que os traballadores dun sector propoñían para facer quendas de traballo, negarse unha parte do goberno, e esa mesma tarde, decidir os que antes se opoñían, de xeito unilateral,

como tantas outras veces, que os traballadores traballen por quendas.

Deslealdade é convocar Plenos, Mesas de Negociacións e demais, e enterarse por traballadores en vez de polo alcalde.

Deslealdade é dicir que a proposta presentada aos sindicatos ou resto de grupos é do goberno cando non foi consultada nin debatida.
Deslealdade é que Pleno tras Pleno pregúntennos por temas alleos as nosas competencias sen que os responsables desas áreas en ningún momento interveñan para dar as explicacións pertinentes.
Nós estamos no goberno porque consideramos que estamos a facer o que debemos, que é velar pola correcta xestión e polos intereses públicos, e, cando non esteamos de acordo cunha acción de goberno estaremos sempre abertos a que nos convenzan con argumentos, mais estes nunca chegan.

Se os nosos socios de goberno consideran que somos desleais que digan publicamente en que aspectos, e que o alcalde, que é quen ten a potestade necesaria, tome as medidas oportunas.

Aternativa dos Veciños Sada non é un convidado de pedra porque ten vocación de servizo público, mais en ningún caso vai ser servilista. Para o que algúns é deslealdade para nos é sentido crítico e obxectividade.